A Coordinadora Galega de ONGs denuncia o incumprimento da Xunta do acordo de aceptalas enmendas presentadas aos orzamentos de cooperación.
Según asegurou nas últimas horas a organización, o grupo parlamentario do PP tiña acordado coa Coordinadora, aceptar as emendas da oposición para incrementar os fondos de cooperación en 2 millóns de euros Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2009. O Parlamento de Galicia aprobou, 16 de decembro, os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010, deixando de lado a maioría das emendas presentadas pola oposición, entre elas as referidas a cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.
Desde que se presentara o proxecto de Orzamentos no Parlamento de Galicia, o pasado 19 de outubro, a Coordinadora Galega de ONGD, ten levado a cabo un importante traballo de presión e incidencia política para mellorar os fondos destinados á partida de cooperación.
As tarefas iniciáronse co informe “A cooperación ao desenvolvemento no Proxecto de Lei de Orzamentos das Xunta de Galicia 2010”, presentado nun almorzo con xornalistas o 17 de novembro.
Ao tempo, a Coordinadora estableceu contactos e concertou reunións cos tres grupos parlamentarios galegos para promover a presentación de emendas ao texto que melloras en esta situación de partida.
De feito, o PSdG-PSOE presentou unha emenda, o 14 de novembro, co nome de “Fondo Extraordinario para a Cooperación ao Desenvolvemento”, que propoñía dotar o orzamento de cooperación en 2.000.000€ adicionais con cargo ao Fondo de Continxencia dos Orzamentos. Isto suporía un aumento do 1.6% en todas as transferencias de cooperación, -excluída a de persoal-, e situaría a cantidade total dedicada a cooperación nos 11.700.000€, o que permitiría recuperar a porcentaxe do 0,1%.
Pola súa parte, o BNG –se ben non presentou emendas propias- si indicou nas conversas coa Coordinadora que apoiaría esta emenda do PSdG-PSOE. Na reunión celebrada cos máximos responsables do grupo parlamentario do PP o pasado 24 de novembro, estes, despois de recoñecer o escaso esforzo da Xunta de Galicia, indicaron que aceptarían a emenda da oposición nesta materia.
Sen embargo, esta emenda non prosperou na tramitación parlamentaria dos Orzamentos 2010, ao rechazala a maioría do PP. “Sentímonos enganados”, declarou Xosé Mª Torres, Presidente da Coordinadora, que remarcou que o uso de prácticas políticas coma estas contribúen ao descrédito xeral fronte á sociedade civil.
Datos da cooperación galega
A cooperación galega acadará só 9,7 millóns de euros, o que supón unha reducción de 3,3 millóns con respecto a 2009. Cómpre lembrar que os orzamentos de 2009, presentados polo bipartito PSdG-PSOE e BNG incluían un Plan Anual de Cooperación que chegaba aos 13,0 millóns de euros.
O descenso de 3,3 millóns representa un recorte dun 25% do total dos fondos -“un recorte brutal no xa escaso esforzo de cooperación que realizaba a Xunta de Galicia”- sinalou o Presidente da Coordinadora, Xosé María Torres.
Desta maneira, o esforzo en cooperación ao desenvolvemento ficará para 2010 no 0,086% do orzamento da Xunta de Galicia. Galicia volve así a cotas prehistóricas, por debaixo do 0,1% fronte ao 0,7% marcado polos compromisos internacionais e a lei galega de cooperación do ano 2003.
Espírito de diálogo
Desde a Coordinadora Galega quere recoñecerse, con todo, o espírito de diálogo cara o sector emprendido desde a unidade xestora do novo goberno de Núñez Feijóo, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Consellería de Presidencia, pero laméntase que este espírito aberto non vaia acompañado dun compromiso real de goberno.
“Agardamos que o novo Plan Director cuadrienal 2010-2013, actualmente en redacción por parte da DXRREE conteña elementos positivos e compromisos reais na loita contra a pobreza para os próximos catro anos” concluíu o Presidente da Coordinadora.