domingo, 20 de diciembre de 2009

A curta de ficción galega "X Nada", sobre a violencia xuvenil, seleccionada pra os premios Goya

A Curta de Ficción "X nada", de productora compostelá Ficción Producciones, dirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre, sobre un guión do propio Toni Veiga e de Manolo Dios (Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz), ven de ser seleccionada entre as 10 mellores do ano para os Premios Goya da Academia do Cine.

Nas próximas semanas as académicas e os académicos votarán para escoller os 4 finalistas á mellor curta de ficción do ano.

O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz colaboraron activamente na iniciativa e a curta está utilizándose nos colexios e institutos galegos para traballar a mellora da convivencia escolar, tanto co alumnado de secundaria como cos pais e as nais. A curta foi remitida gratuitamente a tódolos centros educativos de Galicia, de ensino secundario, no inicio do presente curso escolar.

X NADA aborda un caso de violencia xuvenil protagonizado por Roi e algúns colegas do Instituto que practican un xogo moi especial, "Catro e Youtube" que consiste en grabar un acto violento e colgalo en Internet e distribuilo entre o alumnado, un xogo que terá consecuencias para tódolos seus protagonistas...

A curta ten un gran valor didáctico e pedagóxico, ademais do cinematográfico, tanto para o profesorado como para os pais e as nais, obrigados a reflexionar sobre os modelos educativos actuais, e para o alumnado que, en moitas ocasións, descoñece as consecuencias dos seus actos reais ou virtuais.

A Curta pode verse en www.sgep.org