lunes, 4 de enero de 2010

EEUU levanta o veto que impedía entrar neste país aos extranxeiros seropositivos

Estados Unidos levantou unha prohibición vixente dende hai 22 anos que impedía aos estranxeiros con sida ou VIH entrar no país norteamericano no marco das novas políticas do presidente Barack Obama para liderar a loita internacional contra a enfermidade.

Os novos permisos entraron este luns en vigor, segundo a cadea británica BBC, que sinala que Estados Unidos albergará en 2012 un cumio internacional sobre a sida. Washington retira desta forma unha iniciativa adoptada a finais da década dos oitenta, en pleno pánico internacional pola enfermidade, e que o mantiña entre os doce países que vetaban a entrada a seropositivos.

Materia pendente

A directora da organización Equidade Migratoria, Rachel Tiven, explicou á BBC que o paso dado pola administración norteamericana fora solicitado durante anos. "A Conferencia Mundial sobre Sida de 2012, que debe celebrarse en Estados Unidos, estaba en risco por culpa das restricións", advertiu.

Obama anunciou a finais de outubro o fin da prohibición e cualificouno como "un paso que animará á xente a facerse as probas e a recibir tratamento". "É un paso que manterá unidas ás familias e é un paso que salvará vidas", subliñou. O presidente indicou que o proceso para revogar a prohibición comezou durante o goberno do seu predecesor directo no cargo, George W. Bush. Obama sinalou entón que os que tomaron a decisión de impoñer a restrición hai 22 anos se basearon "máis no medo que nos feitos".

O presidente deu a noticia tras asinar a Lei Ryan White de Ampliación del Tratamiento contra o VIH/sida, que ofrece asistencia a máis de medio millón de estadounidenses.

Ryan White era un neno de trece anos de Kokomo (estado de Indiana, nordés de Estados Unidos) que en 1984 contraeu a sida a través dunha transfusión de sangue e que chegaron a ser coñecidos en todo o mundo polo seu empeño en que se recoñecese o seu dereito a ir ao colexio. Morreu en 1990, pero a súa nai, Jeanne, estivo presente no acto en que o presidente autorizou o levantamento da prohibición.