O Goberno galego, a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, achega 15.000 euros para comprar material de axuda humanitaria para os damnificados polo terremoto que asoló onte a illa caribeña de Haití.
Segundo explicou a Xunta, a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia adquirirá material de primeira necesidade, fundamentalmente kits hixiénicos, kits de cociña, material de acubillo e sanitario. Esta actuación coordinouse coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, que envía catro avións á zona afectada.
Por outra banda, o Centro de Atención ás Emerxencias 112-Galicia enviou un fax aos distintos consorcios, concellos con parques de bombeiros e demais efectivos de atención e resposta ás urxencias informando dunha solicitude do Ministerio do Interior para ofrecer axuda solidaria en Haití.
Entre outros, ofreceron a súa colaboración a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Estrada, con tres guías do Grupo de Cans de Rescate; a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia e os bombeiros do parque municipal da Coruña.



