martes, 26 de enero de 2010

O cumio de seguridade alimentaria convirte en referencia a cooperación galega

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acudiu como invitado a un cumio internacional de seguridade alimentaria celebrado en Dakar (Senegal) para explicar un programa de cooperación exterior do seu departamento relativo á pesca sostible. No Programa para a Formación da Pesca Artesanal en Centroamérica a Comunidade de Galicia, segundo o director xeral, ofrece a súa experiencia e coñecementos especializados en materia de pesca e acuicultura para impulsar a sustentabilidade do sector pesqueiro no istmo centroamericano, así como para mellorar o benestar e dignidade da súa poboación dedicada ao mar.

Neste sentido, Gamallo recoñeceu vital darlle unha orientación estratéxica á cooperación internacional ao desenvolvemento de Galicia; así como de poñer en valor as singularidades da Comunidade Autónoma. Por estas razóns, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE apoiou desde o principio ao Plan de apoio da pesca en Centroamérica (PAPCA), incluíndo nel o seu Programa de formación de pescadores artesanais. Neste Plan, dixo, “os coñecementos especializados en materia de pesca de Galicia, póñense ao servizo das institucións e colectivos centroamericanos con problemas similares".

O Programa para a formación da pesca artesanal en Centroamérica (PROFOPAC) está financiado pola Cooperación Galega e executado a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, en colaboración con gobernos locais da rexión. A súa área de aplicación cobre sete países do istmo centroamericano -O Salvador, Honduras, Guatemala, Nicaragua, Panamá, Costa Rica e Belice- e o seu período de execución foi de marzo de 2007 a decembro de 2009; aínda que agora mesmo goza dunha prórroga técnica ata abril de 2010.