jueves, 28 de enero de 2010

O Seminario Galego de Educación pola Paz organiza un acto polo Día Escolar pola Paz

Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e Lois Xoan Trigo, membro da súa Xunta Directiva, compareceron en Roda de Prensa para presentar a Campaña do Día Escolar pola Paz que se celebra, como tódolos anos, o 30 de Xaneiro, no aniversario da morte de Gandhi.

Tendo en conta que no presente ano, o día 30 coincide en Sábado, os actos máis relevantes, se adiantan ó día 29, venres.

Manuel Dios empezou por agradecer a presenza dos medios e dou conta de que o Día Escolar pola Paz é unha data xa consolidada nos colexios e nos institutos de Galicia. A súa gran maioría, afirmou, celebra, con actividades moi diversas, de aula e de centro, esta efeméride ecopacifista que ocupa xa un lugar relevante nos respectivos plans de centro. Arredor do Día Escolar pola Paz, colexios e institutos galegos organizan semanas culturais, representacións, lectura de textos, elaboración de manifestos, murais alegóricos, proxeccións debates, etc. así como actividades de aula axeitadas ás distintas idades do alumnado, nas diferentes áreas e materias.

Nesta ocasión, o Seminario propón unha Carpeta Didáctica que pode obterse desde hai semanas na web: www.sgep.org e que chega gratuitamente en formato papel a tódolos centros educativos de Galicia como recurso pedagóxico para utilizar polo profesorado. Na mesma pode verse un cartel conmemorativo do 25 Aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2010) co lema "Para que a paz sexa algo máis ca un conto". Outro cartel, neste caso, sobre a proposta deste ano, co título: "Sobre os dereitos e as responsabilidades de nenas, nenos e adolescentes", contido que centra a proposta didáctica, con información moi ampla sobre a Declaración e a Convención dos Dereitos da Infancia, actividades e dinámicas para facer na aula, propostas musicais, cinematográficas, etc.

Sobre os contidos da Carpeta e da Unidade Didáctica falou con máis detalle Lois Trigo, director do CEIP López Ferreiro de Santiago, coordinador da mesma, quen insistíu en que a iniciativa vai respondendo a preguntas como ¿qué é o día internacional dos dereitos do meniño e a meniña? ¿por qué se celebra? ¿qué entendemos por meniño ou meniña? ¿qué significa Declaración? ¿cal é o contido da Declaración Universal dos dereitos do meniño e da meniña? ¿qué significa Convención? ¿cal é o seu ámbito xeográfico? ¿cal é a situación en Galicia?... para logo facer unha proposta moi concreta de Actividades, comúns ó centro educativo, posibles actos para o día, actos intercentros, campañas de solidariedade, correspondencia escolar, actividades interdisciplinares, comentarios de texto, xogos de simulación, estudo de casos, análise de publicidade, e logo traballos específicos sobre cada un dos dereitos, películas e música utilizables para a celebración, etc. Complétase a unidade cos textos integros da Declaración de 1959 e da Convención de 1989.

PROGRAMA de Actividades que celebrarán o día 29, venres:

11.30 horas:

Acto Conmemorativo na HORTA DA PAZ da Casa de Rosalía de Castro en Padrón con nenos e nenas da comarca que representarán obras de teatro, lerán textos, poemas, etc. coa intervención de Manuel Dios, presidente do Seminario e de Helena Villar, presidenta da Fundación Rosalía.

19:30 horas:

Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar): Entrega dos PREMIOS PORTAPAZ a D. Gervasio Sánchez, a Dª Karen Marón e a D. Manolo Rivas.

21:00 horas:

Cea de Homenaxe ós Premiados nun coñecido Restaurante de Compostela.

SÁBADO, DÍA 30:

A partir das 11:00 horas. Na Praza Roxa de Santiago: FORO das ONGs