domingo, 14 de febrero de 2010

Ecos do Sur recibe un 10% máis de emigrantes con permiso de traballo que demandan emprego


A ONGd Ecos do Sur, tras analizar as demandas das persoas emigrantes (inmigrantes e retornados) residentes en Galicia que se achegan por primeira vez á entidade, detecta que o colectivo se encontra nunha situación de vulnerabilidade en comparación co ano anterior.

Como resultado das crises económicas, as persoas que se encontran nunha posición social menos acomodada, sofren as primeiras consecuencias, pasando a ter cada vez maiores riscos e polo tanto necesitando máis apoios para lograr unha estabilidade.

No caso das persoas emigrantes que acoden a Ecos do Sur, as cifras demostran esta situación, posto que se incrementou nun 10% o número de persoas con permiso de traballo que carecen de emprego (pasando do 52,7% do 2008, ao 62,8% en 2009), xa que non o encontran a través das canles habituais (que sería o máis común ao ter permiso).

A pesar de que durante o ano 2009 o número de persoas que acoden á organización, por primeira vez, diminuíu en termos absolutos (pasando de 1.461 a 1.072), aumentou o número de persoas que demandan emprego (85%), fronte a calquera outra demanda como asesoramento xurídico (35%) para a obtención de permisos, ou asesoramento social (15%) para acceder a axudas sociais.

Ecos do Sur atende ás persoas emigrantes que acoden por primeira vez á entidade a través do proceso de acollida, no que fundamentalmente se detectan as necesidades das persoas que acoden por vez primeira á ONGd, derivándose aos servizos, tanto internos como externos, que poidan resolver as súas necesidades. Este proceso realízase no Servizo de Orientación Laboral ao Inmigrante da entidade, certificado por AENOR segundo a ISO 9001:2008 do Sistema de Xestión de Calidade dende o ano 2008