jueves, 4 de febrero de 2010

O IGADI, dos mellores think tanks de España

Segundo unha enquisa realizada por segundo ano consecutivo pola empresa Iberglobal, portal dedicado á internacionalización empresarial, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), con sede en Baiona e dirixido por Xulio Ríos, alcanzou o 9º lugar entre un total de 17 centros de investigación e think tanks españois, avanzando así tres postos con respecto á votación de 2009, cun 14,2% do total dos votos emitidos. Máis de trinta centros similares non foron nominados.

Tamén por segundo ano consecutivo, a lista está liderada polo Real Instituto Elcano, seguido da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES), do Grupo de Estudos Estratéxicos (GEES) e do CIDOB.

Nesta edición de 2010 incrementouse o número de participantes na votación, con 1.100 persoas que emitiron o seu voto. Cómpre considerar a participación de novos entes de investigación na edición deste ano, como son os casos de Casa África, Casa América, o Instituto Futuro e a Fundación Rafael del Pino, así como a proposta dos participantes de incluír a máis centros de investigación.

Deste modo, o IGADI pasa a figurar entre as cinco primeiras entidades de investigación a nivel estatal especializadas en política internacional, con énfase no mantemento dunha visión propia e independente e con marcado acento na proxección exterior de Galicia.