Desde os seus países de orixe ata a súa estadia obrigada en Marrocos de camiño a Europa, as mulleres migrantes subsaharianas vense expostas a todo tipo de agresións. Moitas vense forzadas a fuxir da violencia xeralizada, de matrimonios forzados ou da violencia doméstica. Durante o traxecto e en Marrocos enfróntanse a novos ataques e abusos sexuais, e a miúdo vense suxeitas a explotación con fins de prostitución.
Poucas delas se atreven a falar das agresións padecidas, pero detrás da información recollida por Médicos Sin Fronteras (MSF) escóndese un fenómeno de preocupantes dimensións que require unha resposta por parte de Marrocos e dos países da Unión Europea.
"O Goberno de Marrocos debe mellorar a atención ás emigrantes subsaharianas vítimas de violencia sexual que se atopan no seu territorio", declara Alfonso Verdú, responsable das operacións de MSF en Marrocos. "Pero tamén os países da Unión Europea deben ser conscientes das graves consecuencias que teñen as políticas de migración e asilo, cada vez máis restritivas, sobre a saúde dos emigrantes e en particular sobre aqueles máis vulnerables, como é o caso das mulleres e nenas".
Entre maio de 2009 e xaneiro de 2010, unha de cada tres mulleres atendidas por MSF en Rabat e Casablanca admitiu ter sufrido un ou múltiples episodios de violencia sexual, xa fose no seu país de orixe, durante o traxecto e/ou unha vez en territorio marroquí. En total, MSF recolleu as historias de 63 pacientes, das que máis do 21% eran menores de idade. Os testemuños destas mulleres mostran a situación de indefensión que sofren durante todo o traxecto.
É o caso de O.A., unha muller congolesa de 26 anos que deixou o seu país a causa dun conflito político e foi violada por un grupo de homes antes de fuxir. En Mauritania, como non tiña pasaporte, un camioneiro propúxolle levala escondida debaixo do seu asento. Polo camiño, o vehículo detívose en metade do deserto. "O condutor e o seu amigo discutían, despois o camioneiro achegouse e golpeoume. Cando caín, me estrullou os peitos e me insultou, despois o amigo violoume. Berrei pero ninguén podía oírme, estabamos en pleno deserto. Cando remataron, déronse á fuga, explica. O.A. conseguiu chegar ata Marrocos grazas á axuda doutro condutor.
O paso fronteirizo entre Maghnia, en Alxeria, e Oujda, en Marrocos, exemplifica a extrema perigosidade do camiño. Segundo os testemuños recollidos por MSF, o 59% das 63 mulleres enquisadas que cruzaron por este paso sufriron agresións sexuais neste lugar. Aínda que oficialmente a fronteira con Alxeria segue pechada, as Forzas de Seguridade marroquís expulsan os emigrantes ata alí. Estas expulsións adoitan realizarse durante a noite, aumentando a probabilidade de agresións.
T.D., unha muller de 19 anos, foi arrestada pola policía cando ía ao mercado en Oujda e trasladada á comisaría onde había outros 28 emigrantes subsaharianos. Todo o grupo foi expulsado e devolto á fronteira, en pleno deserto, esa mesma tarde. Mentres camiñaba con tres homes e outras dúas mulleres, un grupo de bandidos marroquís atacounos. "Cada muller foi violada por tres bandidos un tras outro", explica.
Os equipos de MSF en Marrocos constataron que, como consecuencia directa da aplicación das políticas migratorias da Unión Europa, se consolidaron bolsas de emigrantes que non poden continuar cara Europa nen regresar ao seu país de orixe. Nesta situación, factores como o medo, o sentimento de perda de control das súas vidas, a preocupación pola súa situación irregular ou as precarias condicións nas que viven aumentan a vulnerabilidade dos emigrantes e especialmente a das mulleres. Sen incluír Oujda, un terzo das emigrantes entrevistadas por MSF afirmou ter sufrido abusos sexuais no territorio marroquí.
"Non podemos ignorar a realidade á que se enfrontan estas mulleres que son abandonadas á súa sorte cun sentimento de frustración e desesperanza cada vez maior", declara Alfonso Verdú.
"É necesario dar unha resposta integral que inclúa aspectos sociais, médicos, psicolóxicos e legais a esta terrible situación".





