jueves, 11 de marzo de 2010

A crise dispara por primeira vez o asesoramento laboral de inmigrantes en situación regular

Os efectos da crise económica no mercado de traballo transformaron os esquemas tradicionais de integración laboral da poboación inmigrante, como consecuencia da afluencia masiva aos servizos laborais, por primeira vez, de persoas que levaban anos residindo de forma regulada, segundo un informe da ONGD Ecos do Sur.

En 2009 produciuse un fenómeno inédito ata a data, posto que nunca ata o pasado ano a afluencia de estranxeiros en situación regular fora maioritaria, en comparación con aqueles que buscaban asesoramento en materia de emprego sen contar cos permisos requiridos (co fin de conseguilos).

O impacto do desemprego en España, que se achega ao 20 por cento, afectou severamente ao colectivo inmigrante, mesmo entre os que levaban anos de experiencia laboral regulada, que por primeira vez recorreron masivamente aos servizos de Ecos do Sur. As consultas no 2009 superaron as 4.000 en materia de emprego en Galicia, sendo 907 persoas as que pasaron polas oficinas da organización por primeira vez o ano pasado para intentar obter un posto de traballo.
Como consecuencia, Ecos do Sur se viu obrigado a reforzar as actuacións neste ámbito, coa promoción de instrumentos como o Servizo de Busca Activa de Emprego, activado xa en abril co obxectivo de impulsar a autonomía dos usuarios. A orientación individualizada e especializada desempeñou un papel fundamental, co propósito de poñer en valor as aptitudes profesionais dos interesados e, así, ampliar as súas posibilidades de inserción.

Un total de 122 persoas pasaron por este novo servizo, a práctica totalidade en situación regular en España, se ben, en moitos casos, con permisos próximos a expirar. Un condicionante que converteu en máis urxente aínda a necesidade de garantir un posto de traballo que permitise asegurar a renovación dos papeis.

Ademais, máis da metade dos participantes perderan o seu emprego nos meses anteriores a comezar co servizo, ata o 56 por cento. O segundo trimestre de ano rexistrou a maior sangría, mentres que, por sectores, os máis castigados foron o da construción e, en segundo lugar, o da hostalaría. Unha evolución que confirma os ámbitos nos que a crise se traduciu con especial virulencia.

Non obstante, as xestións acometidas a partir do servizo habilitado por Ecos do Sur permitiu a inserción laboral de 25 persoas, ata un quinto do total dos que tomaron parte. Destes, o 38 por cento continuou no mesmo sector no que traballara anteriormente. Os máis populares ao respecto foron o servizo doméstico, o coidado de maiores e nenos, o transporte e, a pesar da incidencia que a tormenta económica lles supuxo, tamén a hostalaría e a construción viron novas altas.

O resto, non obstante, estreáronse en ámbitos diferentes ao dos seus postos anteriores, o que motivou un descenso no sector industrial e, de novo, no hostaleiro. Moitos dos que se dedicaran a estes pasaron a engrosar o nivel de inserción en tarefas de loxística en almacéns e factorías.

Ademais, a organización mantivo activos outros campos que permitiron intermediar nun total de 135 ofertas de emprego durante 2009, a maioría das cales, ata 111, foron exitosas. Novamente, a evolución confirmou que o servizo doméstico e o coidado de persoas se consolidan como os sectores que manteñen a demanda de traballadores, tal como reflicte o Servizo de Intermediación Laboral de Ecos do Sur.