domingo, 21 de marzo de 2010

A iniciativa Mexillón Solidario distribúe 5 toneladas deste molusco en comedores sociais e cociñas económicas de Galicia

A campaña de reparto gratuíto de mexillón, Mexillón Solidario, na que colabora a Consellería do Mar e a Consellería de traballo e Benestar leva distribuídos dende, o seu inicio, máis de 5 toneladas deste molusco en comedores e cociñas económicas de toda Galicia.

Con esta iniciativa, que foi presentada en novembro, repartiranse arredor de 12 toneladas de mexillón de calidade entre 25 comedores sociais e cociñas económicas de toda a comunidade. Esta cantidade permitirá servir preto de 24.000 comidas ata o mes de xuño, o inicialmente previsto para realizar todo o reparto, xa que non se descarta a prolongación desta proposta, en función da demanda dos establecementos e a dispoñibilidade das entidades. Neste sentido, os organizadores destacan que dende que comezou o reparto gratuíto a aceptación nos centros está a ser moi boa.

Concretamente, nesta campaña de distribución participan 9 asociacións e confederacións de produtores de mexillón e a asociación de depuradores AGADE. Esta última é a encargada de coordinar o abastecemento ás depuradoras así como a entrega das partidas de mexillón aos centros benéficos.

O proceso de distribución consta de diferentes fases. Primeiro as organizacións de produtores suministran ás depuradoras o produto que tras ser sometido a un proceso de depuración, etiquétase e envásase para transportalo ás plataformas de distibución onde, na maioría dos casos, o produto é recollido por persoal dos comedores sociais e as cociñas económicas.

A difusión de Mexillón Solidario é froito da colaboración da Consellería do Mar coas entidades do sector mexilloeiro. Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar axudou a poñer en contacto ás asociacións de bateeiros con centros benéficos de toda a comunidade para organizar o subministro deste molusco segundo as necesidades destes establecementos. OPMEGA, FARN, Cabo de Cruz, AMEGROVE, SOCOMGAL, Virxen do Rosario, Illa de Arousa, A Marxa, A Boirense e a asociación de depuradores AGADE, uniron esforzos para chegar a un acordo no reparto altruísta de mexillón.

Mexillón Solidario xorde a raíz da proposta de varias asociacións de bateeiros que solicitaron a colaboración da Xunta. Tras varias reunións celebradas entre bateeiros, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro e a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López a Consellería do Mar e a de Traballo e Benestar comprometéronse a supervisar o correcto desenvolvemento desta proposta.