Nestes momentos, dende o 1 ata o 12 de marzo, a 54ª Comisión da Condición Xurídica e social da Muller das Nacións Unidas (CSW), está a levar a cabo a revisión da aplicación da Plataforma de Acción de Beijing, 15 anos despois de ser esta asinada por 189 estados, -entre eles España-, na Conferencia de Mulleres das Nacións Unidas de Beijing (China) en 1995.
Dende a Coordinadora Galega de ONGD, a través da súa Comisión de Xénero, queremos facer fincapé no incumprimento, a nivel mundial dos compromisos asinados en Beijing, porque entendemos que os dereitos das mulleres non poden quedar relegados a accións ailladas, relacionadas unicamente coas políticas de igualdade e desenvolvemento, senón que é o momento de esixir aos gobernos, europeos e mundiais, a coherencia en todas as súas políticas: comerciais, agrícolas, migratorias, de emprego... para que non persista o agravio contra os dereitos das mulleres.
Declaramos:
• Que é preciso que os gobernos cumpran os compromisos de coherencia de políticas incluídos na Declaración de París sobre a nova arquitectura da axuda. Este compromiso supón que na formulación de políticas; migratorias, económicas, comerciais, financeiras e de cooperación ao desenvolvemento; se teñan en conta os dereitos das mulleres, se inclúan diagnoses de xénero para formulalas e que en ningún caso mermen os efectos positivos que as políticas de desenvolvemento xeran.
• Que é preciso crear novos modelos socioeconómicos e políticas públicas que faciliten a participación política das mulleres.
• Que é preciso que se recoñezan os aportes ao desenvolvemento económico e social que fan as mulleres a través do traballo doméstico e a economía do coidado, traballos non remunerados e sen protección social que a sociedade demanda, coma se as mulleres fosen as únicas responsables. Para isto reivindicamos a elaboración de métodos para avaliar cuantitativamente o valor deste traballo non remunerado, que non se inclúe ata o momento nas contas nacionais, para a súa inclusión, con miras a recoñecer a contribución económica da muller e para que se faga evidente a desigualdade na distribución do traballo remunerado e non remunerado entre mulleres e homes.
• Que é preciso que se recoñezan as condicións de precarización do traballo nas que se atopan as mulleres no mercado laboral.
• Que é precisa máis e mellor axuda para financiar a erradicación da feminización da pobreza. De acordo coas recomendacións que fai aos gobernos o Grupo de expertas sobre finanzamento para a Igualdade de xénero das NNUU, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) destinada a igualdade de xénero debe estar entre o 15% e o 20% do total da AOD mundial. En 2008 esta porcentaxe estaba no 7%.
• Que é precisa máis xustiza no eido comercial, un mercado que debe garantir o acceso das mulleres aos dereitos que lle son propios. Os dereitos sobre a propiedade da terra, os dereitos laborais e o acceso ao traballo decente, os dereitos de protección das actividades agrícolas que realizan as mulleres, os dereitos sobre o mantemento da seguridade alimentaria...
E todo isto porque sen as mulleres non hai desenvolvemento posible!!
No ano 2007 foi creada na Coordinadora Galega de ONGD a Comisión de Xénero, constituída na actualidade por un total de 7 ONGD galegas que dirixen os seus esforzos a promover a aplicación do enfoque de xénero dentro e fora das propias ONGD, mediante accións de sensibilización sobre a feminización da pobreza, o papel das mulleres no mundo e a promoción dun desenvolvemento equitativo sostible; o apoio e formación nos procesos de incorporación da perspectiva de xénero en todas as actividades das organizacións e a incidencia política para acadar a integración do enfoque de xénero nas políticas públicas de cooperación.



