martes, 9 de marzo de 2010

O Concello de Ferrol abre un prazo para a presentación de candidaturas ao posto de Mediador das Persoas con Diversidade Funcional

A concelleira de Benestar Social, María López, informou esta mañá de que o Concello de Ferrol abriu hoxe o prazo de presentación de candidaturas para a elección do Mediador das Persoas con Diversisade. Despois da publicación do regulamento no BOP, poderánse entregar no Rexistro Xeral do Concello ata o 31 de marzo. A este respecto, a responsable das políticas municipais de Benestar Social explicou que poderán facer as súas achegas aquelas entidades do eido da diversidade funcional que teñan a súa sede social no Concello de Ferrol, ademais das persoas físicas ou grupos políticos con representación municipal.

As candidaturas deberán estar xustificadas cos méritos que se atribúen á persoa proposta e, segundo consta no regulamento, ser maior de idade, estar empadroado en Ferrol e ter residencia efectiva no Concello, estar en pleno uso dos dereitos civís e políticos (é dicir, non estar incurso en causa xudicial ou ter sido condenado) e ter recoñecida oficialmente unha minusvalía (diversidade funcional) son os requisitos a ter en conta á hora de elixir ao dito Mediador.


A edil María López explicou que no prazo máximo dun mes desde a data final de presentación de candidaturas convocará unha reunión coa ditas entidades e partidos políticos para propor o candidato. Posteriormente, levará a proposta á Comisión de Benestar Social para o seu dictame e formular a proposta de designación ao pleno do Concello.


A figura do Mediador das Persoas con Diversidade Funcional, tal e como lembrou a concelleira de Benestar Social, é o medio que o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, porá a disposición das persoas con diversidade funcional para achegar aos poderes públicos as súas necesidades e dificultades, así como analizar as actuacións que se leven a cabo e que poidan ser lesivas para os seus dereitos e intereses. O labor deste novo órgano de participación, segundo subliñou a concelleira de Benestar Social, será de asesoramento e proposta de cantas materias afecten aos dereitos e intereses destas persoas. Neste senso, María López avanzou que o Mediador, cuxo mandato será de dous anos -poderá ser reelixido por unha soa vez, polo que o período máximo do seu mandato será de catro anos- terá entre as súas funcións promover os dereitos das persoas con diversidade funcional do Concello de Ferrol, informar sobre a súa realidade, situación e necesidades á Administración local e formular suxestións, propostas ou recomendacións sobre as cuestións e materias de todo tipo que afecten aos dereitos deste colectivo.


Así mesmo, terá como cometidos informar de cantas deficiencias ou iregularidades detecte e que afecten aos dereitos destas persoas, propoñendo as medidas para a súa solución. Ademais, o Mediador das Persoas con Diversidade Funcional colaborará nas actuacións de difusión e divulgación dos seus dereitos e necesidades procurando a igualdade real e efectiva e realizará unha memoria anual sobre as actuacións realizadas e as necesidades detectadas en colaboración coas entidades, asociacións e persoal técnico da Concellería de Benestar Social.


A edil María López subliñou que o Mediador das Persoas con Diversidade Funcional acudirá con voz pero sen voto a reunións de comisións informativas, plenos do Concello e aqueloutras que traten asuntos relacionados co seu cometido. Terá carácter honorífico e para o exercizo das súas funcións disporá dun espazo físico, que previsiblemente será a Casa Solidaria, un horario de atención, unha dotación orzamentaria e todos aqueles medios técnicos e prestacións que precise. Poderá dirixirse a el toda persoa natural ou xurídica que manifeste un interese relacionado cos dereitos das persoas con diversidade funcional. Finalmente, María López destacou que o regulamento publicado hoxe no BOP é froito do consenso acadado entre grupos municipais e entidades que traballan día a día no ámbito da diversidade funcional e lembrou que a súa posta en marcha dará cumprimento a un dos obxetivos marcados no Plan Estratéxico Ferrol Solidario 2009-2012.