viernes, 30 de abril de 2010

Colombia: Os dereitos humanos deben estar no centro da campaña electoral

O respecto aos dereitos humanos debe ser unha prioridade máxima para todos os candidatos presidenciais, declarou hoxe Amnistía Internacional, ao enviar unha carta aberta a todos os candidatos e a candidata que se presenta ás eleccións presidenciais do 30 de maio.

Na carta, a cal se fai pública hoxe, Amnistía Internacional destaca os seus principais motivos de preocupación en relación cos dereitos humanos e pide aos candidatos e candidata presidenciais que expoñan con claridade as políticas que aplicarán e as medidas concretas que implantarán para garantir o pleno respecto aos dereitos humanos en Colombia.

"Aínda que os candidatos fixeron unha breve alusión aos dereitos humanos no cuestionario que publicou a semana pasada o semanario colombiano Semana, segue sendo francamente chocante que, nun país onde os dereitos humanos son vulnerados sistematicamente polos que participan no conflito armado interno que afecta ao país dende hai 45 anos, esta cuestión non recibise a prioridade que merece", afirma Susan Lee, directora do Programa Rexional para América de Amnistía Internacional.

Nun esforzo para que a cuestión dos dereitos humanos sexa incluída na axenda electoral, a Campaña Nacional e Internacional polo Dereito a Defender os Dereitos Humanos e Medios para a Paz invitaron os candidatos á vicepresidencia a que participen nun debate sobre os dereitos humanos que se celebrará en Bogotá (Colombia) o próximo 5 de maio.

"Este acto é unha importante oportunidade para que os candidatos debatan os dereitos humanos e fagan compromisos firmes en resposta ás cuestións que formulan tanto Amnistía Internacional na súa carta aberta coma os participantes no acto. Esperamos sinceramente e pedimos enerxicamente que os candidatos á vicepresidencia demostren o seu inequívoco compromiso para poñer fin á crise de dereitos humanos mediante a súa participación neste acto", declarou Susan Lee.

Na súa carta, a organización condena que ningún das partes do conflito -sexa a guerrilla, os grupos paramilitares ou as forzas de seguridade-estea a protexer a poboación civil das consecuencias que ten o conflito para os dereitos humanos nin respecte o seu dereito a non se ver involucrada nas hostilidades. Amnistía Internacional tamén pon de relevo que a impunidade, máis que calquera outro factor, é a responsable da prolongación da crise de dereitos humanos.

"Cada ano, centos de miles de civís vense obrigados a fuxir dos seus fogares debido ao conflito, mentres moitos outros son vítimas de ameazas, homicidios, desaparicións ou secuestros. A situación que afrontan os pobos indíxenas e as comunidades de afrodescendientes e campesiñas, así como os defensores e defensoras de dereitos humanos, é especialmente precaria. Simplemente necesitamos saber que vai facer o novo presidente ao respecto", engadiu Susan Lee.

Malia que se produciron certos avances nas investigacións sobre abusos contra os dereitos humanos nalgúns dos casos máis destacados, a impunidade segue sendo a norma e a maioría dos perpetradores nunca foron identificados, e moito menos investigados polos tribunais.

"A triste verdade é que a inmensa maioría dos que cometen abusos contra os dereitos humanos continúan sen responder dos seus actos, mentres que moitos dos implicados en investigacións clave nas que se fixeron algúns progresos, como avogados, fiscais, xuíces e testemuñas, son sistematicamente vítimas de ameazas ou homicidios. O novo goberno debe ser claro sobre o que vai facer para garantir que as vítimas e as súas familias reciban a xustiza que merecen. "

"Esperamos que todos os candidatos transmitan unha clara mensaxe, de ser elixidos, de que terán a determinación política para poñer fin a tantas décadas de abusos contra os dereitos humanos e para superar a impunidade, endémica e vergonzosa, que permitiu que estes abusos continúen cometéndose ata a data", concluíu Susan Lee.