miércoles, 14 de abril de 2010

Mayor Zaragoza, Senén Barrio e Manuel Dios asinan o convenio de creación da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos

O vindeiro día 20 quedará constituída a nova Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC no trascurso dun acto no que asinarán o Convenio de creación D. Federico Mayor Zaragoza, como presidente de honra da mesma, D. Senén Barro, reitor da USC, e D. Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, entidade promotora da iniciativa.

A citada Cátedra terá como director académico a D. Ramón Sánchez, catedrático de filosofía na Facultade de Educación e membro fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz.

Conta tamén cun Comité Fundador no que están comprometidos máis de 20 profesores e profesoras da USC, de distintas materias e departamentos, co obxectivo de desenvolver un proxecto que pretende abrir vías de investigación en materia de cultura de paz, promover a organización de Másters sobre "paz e conflitos" similares ós existentes noutras universidades españolas e ofertar materias transversais do currículum universitario e programas formativos de carácter académico e social.

O Seminario Galego de Educación para a Paz quere mostrar a súa satisfacción por materializar unha iniciativa, longamente esperada, así como o seu profundo agradecemento ó Reitor, Senén Barro e ó profesorado que forma parte do Comité Fundador, así como á propia Fundación Cultura de Paz, a D. Federico Mayor pola súa mediación, e á nova Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, polo seu apoio desde o mesmo momento da súa toma de posesión.