jueves, 8 de abril de 2010

Médicos do Mundo distribúe en Galicia unha guía para informar inmigrantes sobre como acceder ao sistema sanitario

A ONG Médicos do Mundo editou en Galicia unha guía de saúde para persoas inmigrantes co fin de informar esta poboación sobre como acceder ao sistema sanitario e denunciar a precariedade no acceso equitativo á saúde.

O vicepresidente de Médicos do Mundo España, o galego Felipe Noya, explicou que a guía informa as persoas inmigrantes de "como funciona o sistema sanitario galego", especificando os trámites burocráticos a seguir para solicitar a tarxeta sanitaria, petición de citas e outros procesos.

Noya aclarou que o texto responde a demandas realizadas á ONG polo propio colectivo inmigrante e comentou que, en función da colaboración que obteñan, pretenden editar a guía noutros idiomas como árabe, romanés e portugués, entre outras linguas.

Polo momento, en Galicia sacaron unha tirada de 800 exemplares que, na xornada de hoxe, coincidindo co Día Mundial da Saúde, voluntarios repartiron nalgúns centros de saúde da bisbarra de Santiago.

De feito, a organización puxo en marcha unha campaña, baixo o lema 'A saúde: ben común de todas as persoas e para todas as persoas', na que reivindica que "a saúde é un ben común de todas as persoas e para todas as persoas", coa repartición de folletos de sensibilización.

ACCESO EQUITATIVO

O vicepresidente de Médicos do Mundo resaltou que se trata dunha "actividade de sensibilización" destinada á poboación en xeral para que teña presente que o acceso á sanidade non se está a dar en condicións de equidade".

Neste sentido, comentou que se detectaron diversas barreiras, dependendo das circunstancias persoais, e incidiu en que existe "desinformación" que, engadiu, Médicos do Mundo "intenta paliar". Segundo datos da ONG, en Galicia teñen falta de cobertura sanitaria unhas 10.000 persoas inmigrantes.

"A saúde é un dereito humano en España e non un servizo", defendeu Noya e manifestou que na actualidade segue habendo persoas inmigrantes que demandan información sobre o acceso á sanidade e que, nalgúns casos, reciben asistencia por parte de membros da ONG, polo que tratan de resolver esta demanda de información.