sábado, 15 de mayo de 2010

Entrega oficial de vivendas a damnificados do terremoto de Haití

Un grupo de colaboradores e amigos de Mensaxeiros da Paz, encabezados polo Padre Angel, viaxarán dende Madrid o próximo martes 18 de maio, para participar nestes actos e coñecer a marcha dos proxectos de axuda e reconstrución desta ONG en Haití e en República Dominicana.

O próximo 19 de maio, coa presenza do Padre Angel García, presidente de Mensaxeiros da Paz e dun grupo de cooperantes e colaboradores de Mensaxeiros da Paz desprazados dende España, terá lugar o acto de entrega oficial das vivendas construídas no campo de desprazados de Tabarré (Haití), ás familias beneficiarias que perderon as súas casas no terremoto do pasado 12 de xaneiro. Este campamento, situado nunha zona moi pobre aos arredores de Porto Príncipe agrupa a unhas 2.000 persoas. Foi un dos moitos campamentos de desprazados que se orixinaron de forma espontánea entre os habitantes da destruída capital de Haití, abeirándose baixo plásticos e sabas suxeitas con paus e carecendo de todo tipo de medios materiais e infraestruturas hixiénico-sanitarias.

Mensaxeiros da Paz, dende que asumiu a atención deste campo, subministrou alimentos e materiais básicos aos desprazados, ademais doutras axudas materiais e apoio social e psicolóxico. Neste tempo realizáronse importantes obras de limpeza, achandado e preparación do terreo para dar acubillo ás familias, ben en tendas de campaña resistentes, ou ben en pequenos apartamentos en casas construídas en madeira, con chan e cuberta firme, instalándose duchas e latrinas e un xerador eléctrico, así como un pozo de auga. Tamén se construíu un barracón de madeira para usos múltiples e onde se pon, entre outros servizos, atención médica á poboación, e se prepararon e equipado autobuses-escola dende os que se dá educación aos nenos dos campamento. Con todos estes servizos, o campamento de Tabarré transformouse nunha pequena cidade solidaria onde os seus residentes poidan ter garantidos os servizos mínimos no seu día a día.

Ademais do citado campo de Tabarra, Mensaxeiros da Paz e Infancia sen Fronteiras ocúpanse da atención aos desprazados noutro campo situado na zona de Duval, onde viven máis de 1.600 damnificados.

O mesmo día, terá lugar a Inauguración dun Centro de Día para persoas maiores con capacidade para 100 prazas, nos arredores de Porto Príncipe (Haití). Este centro pretende paliar as necesidades asistenciais de persoas maiores que tras o terremoto viven sós, sen ningún tipo de apoio ou supervisión no seu coidado. O Centro de Día posto en marcha por Mensaxeiros da Paz atenderá a 100 anciáns que procedentes do ámbito e que se encontran en situación de necesidade económica, desamparo social, ou desnutrición. O centro ofreceralles alimentación, terapia ocupacional, actividades lúdicas, servizos de aseo e hixiene, sala de xogos, apoio social e psicolóxico, e charlas e talleres.

O Padre Angel e o grupo de españois tamén viaxarán a República Dominicana onde visitarán o Fogar de Acollida "O Refuxio", que Mensaxeiros da Paz e Infancia sen Fronteiras manteñen aberto en Santo Domingo, onde os menores haitianos non acompañados, que foron evacuados despois o terremoto a centros sanitarios dominicanos, reciben a atención e protección necesaria, unha vez dados de alta hospitalaria. Os nenos son atendidos no fogar ata que poidan retornar ao seu país, mentres se localiza os seus familiares. O obxectivo principal deste centro é a protección dos nenos e nenas: a súa alimentación, aloxamento, coidados médicos, atención afectiva e psicolóxica, e a busca dos seus familiares para a súa reunificación.

Durante a súa estanza en Santo Domingo celebrarase un acto solidario a favor de Haití organizado por La Cámara Oficial Española de Comercio e Industria en República Dominicana, La Casa de España, e El Centro Asturiano de Santo Domingo.

Outras actividades emprendidas por Mensaxeiros da Paz e Infancia Sin Fronteras por Haití foron o envío de máis de 200 toneladas de medicamentos, material sanitario e de primeira necesidade: auga, alimentos non perecedoiros e roupa, axuda que foi distribuída en Haití por Mensaxeiros da Paz, e a AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento) en colaboración con Nacións Unidas. Igualmente, durante estes catro meses, trasladáronse cooperantes e equipos sanitarios (médicos e enfermeiras) que colaboraron atendendo feridos en diversos hospitais haitianos onde tamén se destinaron parte dos medicamentos e material médico enviados, xa que ata a chegada de Mensaxeiros da Paz non recibiran ningunha axuda. Para este fin, Mensaxeiros da Paz abriu unha ponte aérea humanitaria entre o Aeroporto de Les Cayes en Haití e o de Santo Domingo na República Dominicana, grazas á colaboración de varias liñas aéreas e Nacións Unidas, que posibilitou o acceso á axuda á poboación do Sur e Leste de Haití, evitando o colapso de Porto Príncipe e a lenta e penosa viaxe da axuda por estrada dende a República Dominicana.

Nunha segunda etapa, estas ONG formúlanse igualmente colaborar na reconstrución de escolas e hospitais haitianos.

Mensaxeiros da Paz e Infancia sen Fronteiras agradecen a AIR EUROPA a súa colaboración no trasporte de persoas e materiais nesta viaxe e en todos os que anteriormente se realizaron en relación coas súas accións de axuda a Haití

Para todos aqueles que queiran colaborar con esta causa, estes son os números de conta onde poden facer os seus donativos.