viernes, 14 de mayo de 2010

Kalandraca presenta coa Fundación Meniños un libro solidario de Manuel Rivas e Aitana Carrasco


“Milu”, con texto de Manuel Rivas e ilustracións de Aitana Carrasco, editado por KALANDRAKA, vai servir para que moitos nenos e nenas que viven nunha situación cómoda e que contan coa protección dos seus maiores, saiban que moi preto deles existe outra realidade antagónica: nenos e nenas que viven nunha situación precaria a nivel afectivo, social e económico. O libro de “Milu” é froito da perseverancia da Fundación Meniños, impulsando dende hai tempo este proxecto editorial solidario que vai permitir que se leven a cabo programas de intervención social e de acollemento familiar con nenos e nenas desamparados: Manuel Rivas cédelle á Fundación Meniños os seus dereitos de autor, Aitana Carrasco contribúe tamén con esta causa cedendo a imaxe da protagonista da historia para que Meniños a poida utilizar nas súas campañas de sensibilización, e ademais KALANDRAKA cede un 10% das vendas do álbum.

Anticipando a celebración do Día da Familia, este sábado 15 de maio, moitas persoas acudiron onte á presentación de “Milu” na Fundación Luis Seoane da Coruña: profesionais vencellado a Meniños, libreiros e bibliotecarios, e tamén a concelleira de Servizos Sociais da Coruña, Silvia Longueira, acompañaron o vicepresidente de Meniños, Xosé Manuel Villanueva, o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, e o autor da obra, Manuel Rivas. Quedou en Valencia Aitana Carrasco, de cuxas ilustracións Manuel Rivas destacou que “a maleta de Milu xa forma parte da mellor iconografía galega”, posto que nos identifica como “país de emigrantes e náufragos” e ponnos en sintonía co resto da humanidade que tamén comparte esa condición errante.

“Milu” existía xa antes de converterse na protagonista do relato literario de Manuel Rivas, que se referiu ao personaxe como “un corpo aberto que pode incorporar, simbolizar e darlle abrigo a moitas vidas e moitos rostros diferentes”. O autor logrou algo tan sinxelo como complexo: plasmar a historia que a propia Milu lle foi contando de si mesma, a súa aparente soidade trala que se agocha unha sorprendente capacidade para relacionarse coas cousas que a rodean. Así é como Milu, tecendo unha especie de “panteísmo de amizade”, converte unha pequena televisión “nun ser marabilloso” no que atopa refuxio e compaña fronte ao seu contexto familiar adverso.
Quen se achegue a “Milu” fará unha lectura “realista, mais non de xeito topicamente realista”: Milu representa a moitos nenos e nenas cuxos pais ou titores atravesan circunstancias desfavorables que os incapacitan de forma temporal ou permanente para satisfacer as súas necesidades básicas; nenos e nenas que precisan de apoio externo para seguir medrando en condicións dignas, no marco dun fogar de acollida; nenos e nenas que conseguen saír adiante grazas a que colectivos como a Fundación Meniños se preocupan deste sector tan sensible da poboación.
“Porque a atención á infancia é un baremo para medir a saúde dunha sociedade”, concluía Manuel Rivas, a historia de Milu transmite esperanza e o libro no que se conta a súa historia aspira a ser un bo amigo nesta viaxe polos sentimentos, as emocións e a imaxinación.A Convención sobre os Dereitos da Infancia recoñece que todos os nenos e nenas teñen dereito a medrar nunha familia. Sen embargo, en España hai máis de 15.000 rapaces que carecen dese dereito e viven en centros de menores, moitos deles sen apenas contacto coas súas familias biolóxicas.

Nos seus 14 anos de traxectoria, a Fundación Meniños atendeu unhas 6.000 familias e uns 9.000 menores, dos cales un milleiro pertencen ao balance de actuacións do pasado ano. Como dixo Manuel Rivas na presentación de “Milu”, a Fundación Meniños é “un lugar onde se produce harmonía, un lugar de rescate, de esperanza”.