domingo, 9 de mayo de 2010

Santiago de Compostela será o escenario elexido para o Foro Mundial da Educación 2010

O FORO MUNDIAL DA EDUCACIÓN 2010 celebrarase en Santiago de Compostela a finais de ano como remate do Xacobeo. Trátase de tres congresos internacionais do máximo interese (Información e dereitos humanos; O dereito humano á paz e Memoria, reconciliación e cultura de paz), unha Reunión de Alto Nivel do Grupo da Alianza de Civilizacións de Nacións Unidas coa Comisión de Premios Nobel da Paz e os Coordinadores do Decenio da Cultura da Paz da ONU, e o FORO MUNDIAL DE EDUCACION (FME) TEMÁTICO sobre "Educación, investigación e cultura de paz", por primeira vez en Europa, co apoio do Foro Social Mundial (FSM).

Ademáis, durante todo o mes, en diferentes espacios expositivos da cidade haberá Cinema e Dereitos Humanos, cómic e banda deseñada, literatura infantil e xuvenil antibelicista, fotoxornalismo (Gervasio Sánchez, Grupo Revela), Música (Festival Mundial da Paz, Juanes, Miguel Bosé... ou a actuación da World Peace Orquestra).

O Foro Mundial de Educación (FME) é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e articulación de movementos sociais, redes, ONGs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e á opresión das persoas fronte ao capital e que denuncian calquera forma de imperialismo.

O Foro Mundial de Educación caracterízase pola súa pluralidade e diversidade, tendo un carácter non confesional, non gobernamental e non partidario. O FME non é unha entidade e non pretende ser unha instancia representativa da sociedade civil galega ou mundial.

Baixo o lema "Educación, Investigación e Cultura de Paz" celebrarase en Santiago de Compostela (Galicia) o Foro Mundial da Educación temático (FMEt) sobre "Educación, Investigación e Cultura de Paz", entre os días 10 e 13 de Decembro de 2010, sobre a base da Carta de Principios do Foro Social Mundial (FSM), con actividades autoxestionadas por organizacións e movementos sociais de todo o mundo.

O FMEt terá lugar no Auditorio de Galicia e no seu ámbito universitario (Facultades de Ciencias dá Comunicación, Filoloxía e Económicas).

Santiago de Compostela e Galicia enteira serán, en Decembro de 2010, a referencia mundial da educación e a cultura da paz.

Toda a información, matrículas, inscricións de actividades autoxestionadas para o FME, reservas, etc. están na web: www.foro2010.org