jueves, 20 de mayo de 2010

Un testemuño haitiano en Galicia



Un representante da sociedade haitiana, Pitchon Espady, visitou Galicia fai só uns días invitado por Solidaridade Internacional de Galicia.

Coa intención de agradecer a colaboración do/ás miles de galego/ás que, a través de Solidariedade Internacional de Galicia, contribuíron a atender a emerxencia no seu país, Pitchon percorreu distintas localidades galegas nunha xornada que serviu tamén para recordar a importancia de manter a axuda que fará posible a reconstrución de Haití.

Dende o pasado 12 de xaneiro, no que a vida dun país xa asolado pola pobreza se vise truncada, dende Solidariedade Internacional de Galicia, ONGD con presenza na zona dende o ano 2004, puxéronse en marcha distintas iniciativas que tiñan como fin último recadar fondos que permitisen paliar a situación de emerxencia á que se enfrontaba a poboación haitiana.

Case 4 meses despues, Pitchon Espady, Coordinador da ONG haitiana CROSSE, visita España para expoñer a situación actual do seu país, agradecer a solidariedade de todo/ás aquilo/ás que contribuíron ao labor de CROSSE nos momentos da emerxencia e recordar que a axuda segue sendo necesaria. Un labor que, como el mesmo defendeu, se basea na construción dunha sociedade xusta baseada na equidade e a igualdade.

No seu paso por Galicia, Pitchon visitou a Axencia Humanitaria de Galicia, entidade que concedeu unha subvención a Solidariedade Internacional de Galicia por valor de 51.566,28 € para a compra de kits hixiénico-sanitarios, de refuxio e de alimentación para a poboación damnificada polo terremoto no Departamento Sueste. Esta visita incluíu unha reunión con Carola Diz Otero, Directora da devandita AHG.

Monforte de Lemos foi a seguinte parada, alí Pitchon foi recibido polo alcalde, Severino Rodriguez, así como polos voceiros municipais do Partido Popular e PSdG-PSOE respectivamente e a Presidenta da asociación de hostaleiros deste concello lucense que destinou 3.575 € ao pobo haitiano a través de Solidariedade Internacional de Galicia.

A visita incluíu tamén a proxección no concello do Carballiño do documental “Un día en Anse a Pitres: Un achegamento á Soberanía Alimentaria en Haití” dirixido por Alejandro Ramírez Anderson. Neste acto, a concelleira de Educación, Cultura e Xuventude desta localidade, Asunción Rivero, fixo entrega dun cheque por valor de 1.413 € a Solidariedade Internacional de Galicia, fondos que serán integramente destinados aos labores de post-emerxencia e reconstrución.

A estas e outras institucións, entre as que destacar ao Concello de Poio (Pontevedra), queremos agradecer a súa solidariedade e compromiso na loita contra a pobreza e a inxustiza social.