martes, 15 de junio de 2010

AI exixe que Israel poña fin á demolición de vivendas palestinas

Amnistía Internacional pediu as autoridades israelís que poñan fin ás demolicións de vivendas, como consecuencia das cales millares de palestinos viven cada día co temor de que os desaloxen dos seus fogares.

Un novo informe, titulado As casas? Todo menos seguras: Demolicións israelís de vivendas palestinas, revela ata que punto as forzas israelís están a destruír vivendas e outras estruturas nos Territorios Palestinos Ocupados coa escusa de que se construíron ilegalmente.

Segundo a ONU, máis de 600 palestinos -máis da metade deles nenos e nenas- perderon o seu fogar en 2009, tras demoler as forzas israelís case 300 edificios.

"As restricións a que está suxeita a poboación palestina que vive baixo ocupación israelí limitan de xeito tan estrito o que pode construír e onde que violan o seu dereito a unha vivenda axeitada", manifestou Philip Luther, director adxunto do Programa de Amnistía Internacional para Oriente Medio e o Norte de África.

"As autoridades israelís están a empurrar os palestinos a unha situación imposible: fagan o que fagan, están expostos a perder o seu fogar. "

"Israel denega case sempre o permiso para construír, inclúo tras longos e custosos procesos burocráticos e xudiciais, polo que a maioría das persoas non teñen máis opción que construír sen autorización oficial, aínda que, ao facelo, saben que é posible que os bulldozers israelís non tarden en derrubar os edificios. "

Polo xeral, as demolicións lévanse a cabo sen avisar previamente da data e sen dar a oportunidade aos palestinos de salvar os seus bens nin buscar outro lugar onde refuxiarse. Calcúlase que hai 4.800 ordes de demolición pendentes.

En virtude da lexislación israelí, as familias desaloxadas non teñen dereito a outra vivenda nin a unha indemnización, polo que, se non fose polos seus familiares e amigos e as organizacións benéficas, moitas se quedarían sen fogar e sumidas na miseria.

Aínda que se adoitan destruír en particular vivendas, as autoridades israelís ditaron tamén ordes de demolición contra escolas palestinas, centros médicos, estradas, cisternas de auga, torres de alta tensión, chozas e alpendres para animais.
As familias da viliña palestina de Jirbet Tana, no val do Jordán, tiveron que reconstruír dúas veces as súas casas en cinco anos.

En 2005, as autoridades israelís demoleron a escola, así como varias vivendas, chozas para animais e cisternas de auga.

Os habitantes do pobo reconstruíron as casas, pero o 10 de xaneiro de 2010, regresaron as forzas israelís e demoleron as vivendas dun centenar de persoas, deixando sen fogar 34 nenas e nenas: Tamén destruíron a escola por segunda vez, así como 12 currais para as cabras e as ovellas, principal fonte de ingresos do pobo.

Raeda Nasasreh, de 24 anos e con dous fillos, contou a Amnistía Internacional: "Os jeeps do exército chegaron ás seis da mañá; a xente viunos no val e comezou a sacar as súas cousas das casas. Non nos deu tempo a rematar de muxir as ovellas. Demolérono todo. Ás nove e media xa remataran".

En outubro de 2009, as forzas israelís destruíron a vivenda de Rida Nimr e o seu esposo, Nimr Ali Nimr, no barrio palestino de Yabal ao Mukabbir. Perderon o seu fogar tres xeracións da familia, incluídos cinco nenos.

"Os nenos estaban aínda durmindo, cando chegaron uns 30 axentes de policía e das forzas especiais, acompañados de tres bulldozers conducidos por contratistas civís -explicou Rida-. A policía acordoou axiña a zona. O equipo de demolición non sacou máis que uns cantos mobles da casa antes de derrubala e non nos deixou sacar nada, salvo, tras suplicarllo, un ordenador portátil da nosa filla Amal, que o necesita para os seus estudos universitarios,".

Amnistía Internacional pediu as autoridades israelís que poñan fin de inmediato ás demolicións de vivendas nos Territorios Palestinos Ocupados, incluída Xerusalén Oriental.

Deben transferir a competencia respecto das políticas e normativas de urbanización e construción ás comunidades locais palestinas.

Así mesmo, as autoridades israelís deben deter a construción e ampliación de asentamentos israelís nos Territorios Palestinos Ocupado como primeira medida para sacar destes a poboación civil israelí que vive en tales asentamentos.

"As ordes de demolición e desaloxo non só destrúen os fogares das persoas, senón que tamén déixanlles sen os seus bens e sen esperanzas dun futuro seguro", manifestou Philip Luther.