domingo, 13 de junio de 2010

Amnistía Internacional alerta das violacións de dereitos humanos producidas durante os preparativos da Copa Mundial

Amnistía Internacional presenta a mellor defensa da historia: un equipo de once defensores e defensoras de dereitos humanos que teñen que dicir moito con motivo da Copa Mundial de Fútbol 2010 que se inaugura hoxe en Sudáfrica.

A difererencia dos xogadores de fútbol, os defensores e defensoras de dereitos humanos xóganse a vida e viven baixo ameaza por facer o seu traballo, a miúdo no anonimaro, lonxe dos focos de atención. Pero como eles, sempre se ofrecen ao compañeiro, súan a camiseta e representan un gran colectivo. Ademais, senten unha gran paixón polo que fan. O noso equipo de defensores enfróntase con todas as súas forzas aos seus rivais: aqueles que violan os dereitos humanos.

Os líderes da comunidade internacional xeralmente pásanse a pelota sen rematar cando se trata de dar prioridade aos dereitos humanos. Por iso, Amnistía Internacional presenta un equipo que pretende situar os dereitos humanos en primeiro plano da axenda internacional e no que ti podes ser o xogador número 12 asinando a ciberacción en www.actuaconamnistia.org

A través desta ciberacción podes pedilo ao Goberno español que faga que as Directrices da Unión Europea (UE) sobre Defensores de Dereitos Humanos sexan unha das bases sobre as que se constrúa a nova política exterior da UE.

Estes son os 11 defensores de dereitos humanos que forman a aliñación titular de Amnistía Internacional para disputar o Mundial de Fútbol de Sudáfrica:

1.Joel Nana, África, defensor dos dereitos das minorías sexuais, que sofren violencia e discriminación a causa da súa orientación sexual

2.Wilter Nyabate, Kenya, loita para dar a coñecer as intolerables condicións nas que vive a súa comunidade nun asentamento precario de Nairobi.

3.P -anónimo-, Sudáfrica, activista comunitaria que traballa con mulleres, nenos e nenas nunha zona rural empobrecida con alta incidencia de infeccións por VIH.

4.Padre Alejandro Solalinde, México, sacerdote católico que dedica a súa vida a ofrecer un lugar seguro ás persoas emigrantes que viaxan ata Estados Unidos.

5.Claudia Lema, Perú, traballa para que diminúa o número de mulleres que morren innecesariamente durante o parto en comunidades indíxenas de Perú.

6.Dhondup Wangchen, China, leva detido baixo custodia policial dende 2008. Está en prisión por filmar un documental no que destacan as opinións de tibetanos sobre os dereitos humanos.

7.Amina Janjua, Paquistán. Cre que o seu marido está recluído baixo custodia do goberno dende a súa desaparición en 2005. Dende entón eleva peticións ao goberno para que revele o paradoiro dos centos de desaparecidos no país.

8.Mukhmed Gazdiev, Rusia. O seu fillo foi secuestrado por homes armados na república rusa de Ingusetia en 2007. Pensa que está en mans do goberno. Dende entón, búscao incansablemente e fai campaña para concienciar sobre a presunta participación de forzas de seguridade nas desaparicións.

9.Nataa Kandic, Serbia, traballa contra a impunidade polos crimes de guerra cometidos pola policía, as fueza armadas e as forzas paramilitares serbias durante as guerras desencadeadas tras o desmembramento da ex Iugoslavia na década de 1990.

10.Shadi Sadr, Irán, avogada que conseguiu a anulación de varias condenas a morte impostas a mulleres. Ademais, é xornalista e activista dos dereitos das mulleres.

11.Haj Sami Sadeq, Palestina, activista que traballa na construción de estruturas comunitarias na Cisxordania Ocupada.

Violacións de dereitos humanos durante os preparativos da Copa Mundial
Durante as semanas previas á Copa Mundial, Amnistía Internacional alertou do incremento de violacións de dereitos humanos en Sudáfrica. Intensificouse o acoso policial aos vendedores ambulantes, persoas sen fogar sudafricanas e persoas refuxiadas e emigrantes que viven en albergues ou outro tipo de aloxamento en áreas urbanas moi poboadas: rexistros policiais, detencións arbitrarias, malos tratos e extorsión, destrución de vivendas informais...

Ademais, nos cinco primeiros meses de 2010 rexistráronse polo menos 11 incidentes en cinco provincias que poden considerarse violencia xenófoba porque incluíron ataques violentos e saqueo de comercios, especialmente de cidadáns somalís e etíopes.

As forzas de seguridade elaboraron plans para garantir a protección dos estadios de fútbol e outras áreas onde se espera que se congreguen os afeccionados e visitantes, e isto suscita motivos de preocupación. En primeiro lugar, que os enormes recursos que tiveron que despregarse para a Copa Mundial, na súa maioría como parte dos requisitos fixados pola FIFA, terán consecuencias para a seguridade dos sudafricanos, especialmente para os que viven nos barrios máis pobres onde a actuación policial efectiva e a prevención do delito xa constitúen retos importantes.

As persoas refuxiadas e emigrantes, que na actualidade non gozan dunha protección policial axeitada contra os ataques xenófobos, poden ser aínda máis vulnerables.

En segundo lugar, a prioridade outorgada á protección dos visitantes pode levar a policía a facer un uso indebido de forza letal contra presuntos delincuentes dunha forma contraria ás normas internacionais de dereitos humanos. Os plans de emerxencia da policía en relación co "extremismo nacional" e as "protestas" non deberían resultar no uso de forza excesiva ou na violación do dereito dos manifestantes a reunirse pacificamente.