viernes, 11 de junio de 2010

Exixen a FIFA que tome accións para limpar de inxustizas a industria dos balóns de fútbol

Mentres a emoción e o frenesí van en aumento segundo se achega a vindeira Copa Mundial da FIFA en Sudáfrica, hai unha parte do Mundial de Fútbol que moi probablemente non será transmitida pola televisión: a violación dos dereitos laborais das persoas que traballan na industria dos balóns de fútbol. Despois de que este luns 7 de xuño se publicase o informe “Missed the Goal for Workers: the Reality of Soccer Ball Stitchers”, no que o Foro Internacional dos Dereitos Laborais (ILRF, polas súas siglas en inglés) aborda esta situación, a Campaña Roupa Limpa (CRL) está a facer un chamamento á FIFA para que tome accións para limpar esta industria de inxustizas.

O informe revela que os traballadores e as traballadoras que cosen balóns de fútbol en Paquistán, India, China e Tailandia continúan sendo vítimas de violacións alarmantes dos seus dereitos laborais. A investigación atopou que o traballo infantil segue existindo na industria de Paquistán e, tamén, en India e China.

Trece anos despois de que a industria dos balóns de fútbol asinase o "Acordo de Atlanta", mediante o cal se comprometeron a limpar este sector industrial, foron presentados informes periódicos sobre violacións dos dereitos humanos na produción de balóns de fútbol aos actores principais desta industria, incluíndo ás marcas globais e a FIFA .

"É sorprendente como despois de todos estes anos os baixos salarios e outras violacións dos dereitos laborais seguen sendo a norma e non a excepción nesta industria", comentou Ineke Zeldenrust, da Campaña Roupa Limpa (CRL) Internacional. "Ao mesmo tempo que as e os fans de todo o mundo emociónanse pola chegada do Mundial, o público espera que a FIFA e a industria dos balóns de fútbol cumpran coas súas promesas."

Outros problemas destacados no informe presentado o 7 de xuño pasado son a discriminación de xénero contra as traballadoras a domicilio - que son as que menor salario reciben e enfróntanse á ameaza constante de perder os seus postos de traballo por embarazos-, a excesiva xornada laboral -como nunha fábrica chinesa, onde se comprobou que as persoas traballadoras soportan xornadas de até 21 horas ao día, sen un día libre durante un mes enteiro-, e a falta de auga potable adecuada ou de centros de asistencia médica, e mesmo de baños, como se viu nalgúns centros de costura de India.