lunes, 28 de junio de 2010

O Fondo Galego celebrou en Lugo as VI Xornadas Anuais de Cooperación o vindeiro 25 de xuño

Co título ‘A cooperación galega perante a crise económica e os desastres naturais’ celebrouse recentemente na Deputación de Lugo as VI Xornadas Anuais de Cooperación promovidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Dende 2004, este evento vén sendo un espazo de encontro dos diferentes axentes do sector, tanto públicos como privados, para abordar problemáticas comúns. Tendo en conta o contexto presente, os debates desta edición xiraron arredor de tres temas de actualidade: o novo Plan Director da Cooperación Galega, o papel das iniciativas de sensibilización e educación para o desenvolvemento no marco da crise, e mais a axuda de emerxencia en Galicia, tendo en conta o terremoto no Haití.

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero; a vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega, e mais o presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, inauguraron as VI Xornadas Anuais de Cooperación.

A continuación desenvolvéronse as diferentes mesas redondas, con representantes dos distintos actores que concorren no sector. Responsables da administración autonómica, do ámbito universitario ou de organizacións non gobernamentais como Cruz Vermella, Amarante Setem, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Coordinadora Galega de ONGDs participaron nas mesas canda membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

As administracións locais, provinciais e autonómica, ONGDs, universidades, entidades financeiras e empresas con programas de cooperación ou sindicatos foron algúns dos destinatarios destas xornadas, sen prexuízo de que poidan acudir outros axentes implicados e mesmo cidadáns interesados a título individual