viernes, 24 de septiembre de 2010

A falta de fondos obstaculiza os avances na saúde global

Os líderes mundiais reunidos na sede de Nacións Unidas en Nova York, con motivo do Cume de seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), poderían conseguir importantes avances na loita contra dúas das principais causas da mortalidade infantil "a desnutrición e o VIH/sida" se apostasen por novos mecanismos de financiamento para programas de saúde global, por exemplo unha taxa sobre as transaccións financeiras internacionais, considera a organización médico-humanitaria Médicos Sen Fronteiras (MSF).

A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera necesario un gasto adicional de 37.000 millóns de dólares máis ao ano en programas de saúde global de aquí a 2015 para cumprir os ODM relacionados coa saúde.

Paralelamente, o Leading Group intergobernamental1 calculou recentemente que unha taxa sobre as transaccións financeiras internacionais "dun 0,005% aplicado ás transaccións nas catro principais divisas- podería xerar ingresos por valor de 33.000 millóns de euros ao ano, que poderían dedicarse á implantación dos últimos avances médicos na loita contra ameazas globais como a desnutrición ou o VIH/sida".

"Hai moitas enfermidades para as que sabemos o que hai que facer para salvar vidas", explica Sophie Delaunay, directora xeral de MSF en Estados Unidos. "Os nosos equipos están utilizando en terreo novas ferramentas e estratexias para evitar a morte de nenos por desnutrición, e tamén para asegurar que nacen libres de infección por VIH, pero o que vemos tamén é que faltan fondos para intervencións en saúde eficaces, xeneralizadas e a longo prazo. Unha taxa financeira vinculada á saúde proporcionaría un fluxo sostible de fondos, e suporía que os pacientes deixarían de estar a mercé de axendas políticas e mercados volátiles".

A resposta política á recente volatilidade financeira global tivo efectos catastróficos na estabilidade dos fondos e compromisos de axuda internacional vinculados á saúde, provocando considerables brechas no financiamento de institucións crave como o Fondo Global de Loita contra a Sida, a Malaria e a Tuberculose, ao renunciar, conxelar ou reducir algúns doantes (como Estados Unidos, Alemaña ou Italia) os seus compromisos previos de financiamento.

En Malaui, o Goberno presentou ao Fondo Global propostas de financiamento para o programa de tratamento para sempre con antirretrovirais para todas as mulleres embarazadas con VIH. Este proxecto reduciría drasticamente a trasmisión vertical do VIH. Pero debido ás limitacións orzamentarias do Fondo Global, e as pesimistas expectativas sobre futuras contribucións dos doantes, existe o risco de que Malaui non reciba os fondos solicitados e non sexa xa que logo capaz de implantar un programa que podería reducir o número de nenos nacidos con VIH. Algúns países xa se viron obrigados a aplicar os chamados ?recortes de eficiencia?, de ata o 10%, nos fondos xa aprobados en anteriores roldas de financiamento.

"Xa non basta con reiterar compromisos co acceso a atención e tratamento, coa saúde materno-infantil, coa loita global contra a sida", apunta Delaunay. "A menos que se implanten novos mecanismos de financiamento, que garantan fondos suficientes e estables a longo prazo, os países en desenvolvemento seguirán sufrindo limitacións, e eses compromisos non pasarán de mera retórica".

A falta dun financiamento sostible para programas de saúde tamén está obstaculizando a implantación de programas eficaces de loita contra a desnutrición infantil, responsable da morte cada ano de entre 3,5 e 5 millóns de nenos menores de 5 anos. Organizacións como MSF demostraron en terreo o eficaces que son as novas ferramentas e estratexias de tratamento, non só para curar a desnutrición, senón tamén para previla en millóns de nenos en risco. En Níxer, por exemplo, MSF tratou este ano, en colaboración con organizacións locais, a uns 77.000 nenos con desnutrición aguda; desde xullo, distribuíu tamén alimentación suplementaria a máis de 143.000 nenos co fin de previr a enfermidade.

As intervencións temperás, como a de Níxer, son cruciais para responder as recorrentes crises nutricionais que afectan a moitos países no Sahel africano, esforzos que de feito só poden levar a cabo se existe un financiamento sostible a longo prazo dos principais doantes internacionais.

Segundo unha avaliación do Banco Mundial, son necesarios 12.500 millóns de dólares anuais para financiar adecuadamente intervencións eficaces nos países máis afectados pola desnutrición.

Un estudo de MSF apunta que o gasto destinado a este ámbito é moi inferior (en 2007, concretamente, uns 350 millóns de dólares). Do mesmo xeito que co VIH/sida, unha taxa sobre as transaccións financeiras podería mellorar a situación nalgúns dos ?puntos quentes? da desnutrición, e achegar aos gobernos á prevención e tratamento eficaces dunha das principais causas da mortalidade infantil no mundo.

Mecanismos alternativos como estes xa existen en UNITAID, a axencia internacional que financia programas de tratamento do VIH/sida mediante unha pequena taxa aplicada aos billetes de avión.

Recentemente, o Fondo Monetario Internacional (FMI) confirmou a viabilidade das taxas ás transaccións financeiras e, este mesmo mes, un grupo de países (entre eles Brasil, Chile, Etiopía, Francia, India, Xapón, Reino Unido e Sudáfrica) adiantaron que durante o Cume dos ODM proporán unha taxa ás transaccións monetarias para financiar a axuda ao desenvolvemento.