martes, 7 de septiembre de 2010

Os obradoiros para maiores regresan á Casa do Mar en Vilagarcía

O Centro Social da Casa do Mar de Vilagarcía volve a acoller a partir de hoxe, 7 de setembro, as actividades do programa "Previr a dependencia" organizado pola Área de Igualdade e Benestar do Concello. As persoas que xa participaron en primavera nos primeiros obradoiros do programa retomarán en outono as actividades coas que se pretende fomentar a súa vida social, axilizar a mente e mellorar as condicións físicas para evitar ou atrasar o máximo a dependencia das persoas maiores.

O novidoso proxecto titulado "Previr a dependencia" baséase na realización de dous obradoiros diferenciados: os Socialia, con actividades destinadas a favorecer a vida social dos asistentes, e os obradoiros Activia, con actividades físicas coas que os participantes mellorarán a súa mobilidade e axilidade.

As temáticas a abordar no obradoiro Socialia divídense en catro bloques. O primeiro, con exercicios e técnicas destinado a reforzar a memoria. O segundo abarca temas de saúde e nel trataranse cuestións como as técnicas e os hábitos de vida saudable, alimentación.... Tamén haberá actividades de musicoterapia centradas no cancioneiro popular. O cuarto e último bloque tocará o tema da sabedoría dos maiores.

O obradoiro Activia componse de actividades máis diná ;micas, incluso que requiren a realización dun lixeiro exercicio físico adaptado á idade e características dos participantes e que teñen como obxectivo mellorar a súa axilidade e mobilidade. Dentro deste obradoiro, os asistentes farán ximnasia de mantemento para maiores, practicarán técnicas e exercicios de relaxación, coñecerán terapias alternativas e practicarán bailes de salón e participarán en roteiros saudables.

Segundo o programa, impartiranse dous obradoiros á semana, un Socialia e un Activia, cunha duración de hora e media en cada sesión.

Catro prazas vacantes

Vinte persoas tiveron a oportunidade de participar na primeira fase do programa, desenvolvida durante os meses abril, maio e xuño. As sesións continuarán a partir do día 7 de setembro todos os martes e xoves ata finais de novembro. Para a quenda de outono aínda quedan vacante s catro prazas. O departamento que dirixe Ana Lorenzo informa de que os interesados en participar no programa "Previr a dependencia" poden dirixirse á Concellería das Persoas Maiores para anotarse. A asistencia é gratuíta.