viernes, 17 de septiembre de 2010

O sistema que vulnera os dereitos humanos dos menores ingresados en Centros de Protección Terapéuticos en España continúa intacto

O sistema que vulnera os dereitos humanos dos menores ingresados en Centros de Protección Terapéuticos en España está intacto nove meses despois das denuncias de Amnistía Internacional e o Defensor do Pobo e, pese a algunhas melloras puntuais, segue habendo serios motivos de preocupación.

Avances e pasos emprendidos

• Dende a Fiscalía Xeneral do Estado, ordenouse que se abrisen investigacións preliminares co obxectivo de esclarecer posibles responsabilidades polos feitos denunciados no informe do Defensor do Menor, feito público en febreiro de 2009. Ademais, aprobouse un protocolo de actuación, en materia de inspección dos centros de acollida de menores, para o seu cumprimento por parte das seccións de menores das fiscalías das respectivas audiencias provinciais. Porén, hai certas dúbidas sobre a aplicación dese protocolo. Por exemplo, non se están cumprindo as visitas trimestrais de control aos centros, algunhas delas por falta de medios.

• Dende o Ministerio de Sanidade e Política Social, elaborouse conxuntamente coas Comunidades Autónomas un Protocolo básico de actuación en centros e/ou residencias con menores diagnosticados de trastornos de conduta. Pese a elo, preocupa o feito de que se lle deu forma sen facer público o proceso e sen debate sobre o seu contido. Ademais, parece ser que este documento non ten carácter vinculante, o que pode conlevar o risco de que o Goberno considere que o mencionado protocolo é unha medida suficiente para garantir os dereitos dos menores, eludindo así a necesidade de cambiar a normativa autonómica ou a urxencia de contar cunha normativa estatal esixible en todo o territorio español.

Retrocesos e oportunidades perdidas

• O Estado español segue prestando pouca atención á produción de información e datos, á súa actualización e á súa dispoñibilidade. Os últimos datos son de 2006.

• Non hai unha Lei que estableza uns estándares claros sobre a situación xurídica dos menores internados nestes Centros e segue a haber desigualdades territoriais. O acceso a servizos e recursos pode depender da comunidade de residencia ou na que se atope o centro no que ingresa o menor.

• Falta de prioridade política para atender as necesidades dos menores:

◦ Hai un preocupante atraso na elaboración dun Plan Estratéxico Nacional de Infancia e Adolescencia para o 2010-2013.

◦ A Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde de 11 de decembro de 2006 aínda non estableceu, nin abordou, un plan marco específico dos servizos de saúde accesibles e adecuados para os menores con trastornos de conduta

• En xuño deste ano, levouse a cabo a reforma do Código Penal. A pesar da recomendación de Amnistía Internacional para que no proceso de reforma se axustara a lexislación interna á definición da Convención contra a Tortura da ONU, o Parlamento aprobou o proxecto de lei sen abordar esta cuestión, sobre a que a organización fixera notar que podería ter consecuencias, entre outros, sobre os menores en Centros de Protección Terapéuticos.

• Na Comunidade de Madrid non se produciron aínda pasos significativos que indiquen a súa preocupación polos feitos e o seu claro interese por garantir os dereitos humanos nos centros terapéuticos da rexión. Ademais, durante o período transcorrido desde o anterior informe de Amnistía Internacional ao respecto, producíronse preocupantes denuncias de abusos no Centro “Hogar de Galapagar” e no de Picón de Jarama.

• En Andalucía, Amnistía Internacional non coñece que se tomara ningunha medida para mellorar a situación dos e das menores en Centros de Protección Terapéuticos, pese a ser a Comunidade Autónoma con maior número deste tipo de centros segundo datos do Defensor do Pobo.

• En Cataluña aprobouse a Lei 14/2010, de 27 de maio, dos Dereitos e as Oportunidades na Infancia e a Adolescencia que establece o marco de protección dos menores nesa Comunidade Autónoma. Porén, esta lei contén unha normativa con numerosas sombras. Unha das máis preocupantes é contemplar o illamento de menores como medida disciplinaria, que ademais vai en contra da normativa internacional.