miércoles, 26 de mayo de 2010

Un terzo da poboación de África Subsahariana sen alimentos


A seguridade alimentaria (cantidade e acceso aos alimentos) en África Subsahariana está en risco. Os últimos datos da Organización de Nacións Unidas confirmaron que na rexión existen máis de 265 millóns de persoas desnutridas e un 30% de poboación famenta. A escaseza de alimentos é unha das principais consecuencias da diminución da produción e a maior demanda da poboación, así como do uso de prácticas agrícolas corrosivas, en moitos casos baseadas nun único cultivo, e as propias infraestruturas obsoletas, que contribúen á forte erosión dos chans.

Segundo Nacións Unidas requírese un 60% máis en investimentos para facer fronte aos grandes retos do sector agrícola e así incrementar a produtividade e avanzar na consecución do primeiro Obxectivo de Milenio: reducir á metade a proporción de persoas que padecen fame para 2015. Nos últimos anos Intervida está a traballar na rexión maliense de Segou, na marxe esquerda do Níxer, para reactivar a produción agrícola e contribuír a alcanzar unha situación de seguridade alimentaria na zona. A organización traballa con varias asociacións de produtores para fomentar o cultivo do fonio como alternativa para tirar proveito dos chans menos fértiles, dada a súa maior adaptación e propiedades nutricionais.

Nestes programas, os produtores reciben formación técnica no cultivo do fonio, apoio para mecanizar o proceso produtivo, así como formación para xestionar os seus negocios e obter rendementos económicos coa venda de excedentes nos diferentes mercados. Ademais poden alugar o servizo a terceiros para obter novos recursos. O cultivo de fonio supón unha alternativa para mellorar a produtividade agrícola e facer fronte á escaseza de alimentos, así como unha oportunidade de negocio e de vida para a poboación de África.

Intervida é unha ONG internacional de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización social que actúa localmente coas comunidades para promover o cambio social sostible a través da mellora das condicións de vida das poboacións vulnerables, en especial da infancia, e incidindo nas causas da pobreza e as desigualdades.