Seis meses despois do terremoto que sacudiu Haití o pasado 12 de xaneiro, a organización médico-humanitaria internacional Médicos Sin Fronteras (MSF) recorda as terribles condicións en que seguen vivindo as vítimas da catástrofe, con motivo da publicación do informe no que fai balance da que foi a maior intervención da súa historia.
A intervención médica de MSF en Haití evolucionou durante os seis últimos meses, dende un modelo de resposta de emerxencia a un abano máis amplo de actividades médicas e de asistencia de primeira necesidade.
"Os haitianos foron os primeiros en responder a esta catástrofe, e avalamos o seu esforzo cunha
intervención masiva. Hoxe, a atención médica que reciben os haitianos mellorou, e certamente é máis accesible que antes do terremoto e isto supón que a poboación máis desfavorecida recibe a axeitada asistencia sanitaria", explica o coordinador xeral de MSF Stefano Zannini, quen xa se encontraba en Porto Príncipe cando se produciu o sismo, que matou ou feriu centos de miles de persoas e deixou na rúa a preto dun millón máis.
Non obstante, a situación para moitos haitianos segue sendo de extrema precariedade, e a frustración crece entre os que sofren coa lenta reconstrución. "Hai unha sorprendente brecha entre o entusiasmo e as promesas de axuda ás vítimas do terremoto das primeiras semanas e a crua realidade no terreo despois de seis meses", sinala Zannini.
O informe de MSF recolle cifras que reflicten a magnitude da intervención. A data do pasado 31 de maio, MSF tratara máis de 173.000 pacientes e practicado unhas 11.000 intervencións cirúrxicas. Máis de 81.000 persoas recibiron asistencia psicolóxica para axudarlles a superar o trauma. Así mesmo, MSF distribuíu case 27.000 tendas e máis de 35.000 kits de bens de primeira necesidade (kits de hixiene e de utensilios domésticos, entre outros).
Todo isto foi posible grazas á xenerosidade demostrada por doadores en todo o mundo.
A 31 de maio de 2010, MSF recibira 91 millóns de euros en doazóns vinculadas á emerxencia de Haití. Para esa mesma data, a organización gastara 53 millóns de euros, dos cales 11 millóns se destinaron a actividades de cirurxía, 4 millóns a saúde materna (cuns 3.700 partos asistidos) e máis de 8,5 millóns en distribución de materiais de refuxio aos damnificados. Para finais de 2010, MSF prevé ter gastado preto de 89 millóns de euros en asistencia á poboación haitiana.
Seis meses despois, segue habendo moitas incertezas sobre o ritmo da reconstrución e a continuidade da presenza doutras organizacións que proporcionen atención médica. MSF está comprometida coas vítimas do terremoto e seguirá prestando asistencia nos próximos anos. "A atención sanitaria xa era moi fráxil en Haití antes do 12 de xaneiro", explica o presidente internacional de MSF, Unni Karunakara.
"O terremoto destruíu gran parte dos servizos médicos dispoñibles, e pasarán moitos anos antes de que o país recupérese. MSF está disposto a asumir a súa parte na rehabilitación da atención sanitaria aos haitianos e dedicará os seus equipos e recursos a esta tarefa ata lograr os seus obxectivos".



